Hoxe venres tivemos un día completiño na Pementeira. A primeira sorpresa foi que se incorporou ao cole Anrís (onte chegaron tamén Enzo e Gabriel co cal estamos felices de ir volvendo á normalidade) e trouxo unha preciosa maqueta da Sagrada Familia de Antonio Gaudí, como el mesmo nos informou. Así que aproveitamos para aprender algunhas cousiñas sobre este famosísimo arquitecto.
Antonio Gaudí foi un arquitecto catalán máximo representante do Modernismo español.
Entre as súas obras máis recoñecidas está, por suposto, a Sagrada Familia, o Parque Güell ou "O Capricho".
Pregunteilles aos pementeiros/as qué pensaban eles que era esa maqueta que trouxo Anrís e algúns dixeron que lle parecía un castelo, a casa dunha bruxa ou o castelo dunha princesa. Despois descubrimos que era unha catedral e recordamos outras catedrais que xa coñecemos: a Catedral de Santiago, a catedral de Notre Dame de París, a Catedral de San Basilio e a Catedral de Brasilia.
Como vedes, estamos sempre viaxando. O último Willy Fog que tivemos na aula foi Daniel que estaba así de elegante e contento co disfraz e fixo o panel con moita seguridade e precisión.
A segunda sorpresa do día foi que, por fin, chegou o segundo número de Novas de Infantil, o noso xornal. Retrasouse un pouquiño máis do que as profes quixéramos por uns pequenos problemas técnicos pero, finalmente, xa está listo. ¡Esperamos que o disfrutedes moito en familia!
Tivemos tempo de lelo na aula antes de gardalo para levalo a casa e disfrutalo en familia. Todos os nenos e nenas estaban moi concentrados lendo con moito interese as novas do periódico.
E a terceira sorpresa do día foi que hoxe iniciamos unha rutina semanal que consiste en levar un libro da aula para o fin de semana. A finalidade desta actividade é animar aos máis pequenos a ler e disfrutar dese pracer da lectura na compañía dos seus papás e mamás. A miña pretensión é que compartan convsco algúns ds libros que temos na aula, promovendo así unha integración da escola nas familias e viceversa. Os nenos/as sempre teñen ganas de levar cousas do cole ás casas porque para eles/as é importante que vós vexades o que aprenden, que escoitedes as historias que vos contan e ser os protagonistas mostrando o que fan no cole, as cousas que teñen e coas que se divirten e, moitas veces, reproducindo as rutinas que temos... Xunto co libro de lectura vai unha sinxela actividade impresa na que teñen que escribir o seu nome e o título do libro (se queren senón podedes escribilo vós mesmos, así temos un rexistro dos libros que levaron cada un) e, despois, darlle cor á cariña que indique canto lles gustou o libro que levaron. Na libreta vai unha nota explicando estas cousas. Non me gustaría que vírades esta actividade como "deberes", se é así prefiro que non fagades a ficha. Eu estou facéndolles ver que é un premio levar o libro e eles así o ven, de feito, por iso non quero que supoña un problema nas casas. Á hora de escribir é normal que haxa letras que aínda non lle saen porque non as traballamos por iso non vai pasar nada se non escriben ben o título do libro, o importante é que se vaian animando a intentalo (dentro de cada libro vai unha tarxeta co título escrito en maiúsculas para que poidan ir copiando letra a letra, vós pódedes axudalos indicándolle que letra lle toca facer, que deben empezalas por arriba, que teñen que ir escribindo de esquerda a dereita etc. e, insisto, se non queren facelo é mellor que non o fagan porque quero animar á lectura non provocar un rexeitamento)
Aquí están os nenos/as observando os libros que poden levar e pensando cal queren escoller hoxe.
E, para rematar esta entrada, só me queda dicir que xa temos colocado no eito do corredor o noso "Home negro" de Calder, que quedou moi ben no medio dos móbiles.