Hoxe tivemos un día con moitas actividades na Pementeira. Despois de poñer mandilóns e colgar chaquetas e mochilas nos percheiros, con algúns enfados e choros (porque a profe pide e pide que o intenten e hai quen non quere nin mover un pé nin unha man) pero xa en menor cantidade que outros días, empezamos a xornada escolar cantando a nosa canción de saúdo e pasamos lista. A continuación lemos un conto e fixemos un xogo de buscar as vogais (que lles gusta moito por certo). E logo fixemos unha ficha relacionada co outono. Hoxe foi o primeiro día que traballamos todos xuntos. O resultado foi diverso. Algúns pementeiros entenderon moi ben a tarefa e fixeron o traballo como campeóns así que a profe puxo unha xoaniña na súa ficha; outros traballaron moi ben pero non foron capaces de rematar (así que outro día haberá que reservar un pouquiño de tempo para facelo), e outros non traballaron tan ben porque non escoitaron con atención o que mandou a profe ou non tiñan moitas ganas de esforzarse, pero eu espero que o próximo día xa o fagan mellor.
Por outra banda, aproveito esta nova entrada no blogue para poñer a foto de dous compañeiros que estiveron facendo a ficha do número 1 e a ra que lles quedara sin facer. E quero felicitar a Iker que hoxe non chorou nadiña para facer a ficha e a fixo requetebén e nun periquete. El púxose moi feliz e eu tamén.
Como chovía moito pensei que era un bo día para facer algo de exercicio e puxémonos a saltar nas pozas. Pero non vos asustedes que non tiñan auga de verdade e os pequepementeiros non mollaron os pes. Na aula de psico pintamos uns círculos con tiza e xogamos a "Paco, Paquito, salta el charquito...". Mirade que ben o pasaron dando brincos.
E, por último, vouvos mostrar as fermosas follas de outono que pintaron os vosos fillos e fillas coas esponxas.